O gañador do concurso percibirá 5.000 euros de premio
·
Rafael Louzán amosouse confiado en que os escumosos
Denominación de Orixe teñan novo nome este mesmo ano
·
A nova marca dotará aos viños escumosos dunha identidade
propia, acorde co prestixio e a calidade dos produtos da DO
O concurso de ideas para dar nome e imaxe aos escumosos
das Rías Baixas pechou na tarde de onte o seu prazo de presentación de
propostas cun éxito notable. Á espera aínda das propostas que cheguen por
correo, son xa 111 as empresas e profesionais que enviaron á Deputación as súas
ideas para ser os autores da denominación coa que se comercializarán os viños
escumosos da Denominación de Orixe.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación,
Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que recalcou
que esta “feliz iniciativa” permitiralle aos viños da D.O. contar cunha nova
denominación “neste mesmo ano”.
O concurso espertou un notable interese non só dentro da
provincia, senón a nivel nacional. De feito, foron numerosas as chamadas
recibidas desde diferentes provincias de España, como Castellón, Madrid ou Vizcaia,
entre outras, para interesarse en participar no certame.
Agora procederase á convocatoria do xurado para a
avaliación de cada unha das propostas presentadas e seleccionar ao gañador, que
recibirá un premio de 5.000 euros.
Identidade propia
A convocatoria deste concurso de ideas, promovido pola Deputación
de Pontevedra e a Denominación de Orixe Rías Baixas, dotará aos viños escumosos
dunha identidade propia, acorde co prestixio e a calidade de todos os produtos
da DO.
Desta maneira, búscase tamén mellorar a comercialización
dun produto que botou a andar fai dous anos e que está tendo unha excelente
acollida, pero que na actualidade se comercializa baixo un nome xenérico que
dificulta a súa identificación no mercado.
No hay comentarios :
Publicar un comentario