A cooperativa lalinense Hoxe
defendeu a etiquetaxe en galego como marca de orixe, identidade e calidade.
A cooperativa de queixos Hoxe
participou no día de hoxe nunhas xornadas organizadas polo Consello da Cultura
Galega baixo o título “Etiqueta na túa
lingua, camiña polo mundo con identidade”.
Na xornada analizouse a presenza
actual da lingua galega e outras linguas minoritarias no campo do comercio e da
industria, dende dous ámbitos: a súa presenza cuantitativa e cualitativa neste
ámbito económico e social, e as súas posibilidades e potencialidades como valor
de marca e como xeradora do valor engadido dos produtos nos novos contextos
económicos.
Marca e etiquetaxe en lingua galega
As empresas galegas nos últimos
anos incrementaron notablemente os seus investimentos en márketing. Apostan en
mercados locais e internacionais cada vez máis competitivos o que supón
investir en valor engadido para os produtos e, non cabe dúbida, de que a
etiquetaxe dos produtos é un elemento fundamental nas estratexias de creación e
posta en valor das marcas.
Con tal fin, participaron nesta
xornada diferentes expertos do ámbito académico, así como representantes de
diversas empresas que destacaron, en diferentes sectores, o uso da lingua
galega nas súas accións para a clientela. O obxectivo foi dar a coñecer o impacto,
as posibilidades, as dificultades e os desafíos do uso da lingua de Galicia no
ámbito comercial, de interese tanto para os investigadores deste ámbito como
para os profesionais e estudantes do sector empresarial e da comunicación
corporativa.
“Marca e etiquetaxe en lingua
galega”
Lito Andión, en nome de Queixos
Hoxe, participou na mesa redonda titulada “Marca
e etiquetaxe en lingua galega” a cal estivo moderada polo economista e
escritor galego Enrique Sáez Ponche, presidente da Fundación Juana de Veiga.
Tamén estiveron representantes doutras empresas como Patricia Sánchez Lorenzo
de Leite Noso, Adriana Freire de Dinahosting e Francisco Kike Piñeiro da Horta
do Obradoiro.
O xerente de Hoxe destacou que “para nós usar o galego nas nosas etiquetas
e marcas (HOXE, NENO, DEZA, NAI, A QUEIXEIRA) ten un significado de orixe, de
autenticidade do noso. O consumidor identifica os produtos galegos, como
produtos de calidade, vinculados á nosa contorna natural e que xera con iso
unha economía socialmente sustentable. Consideramos que o consumidor é
consciente de que está a comprar un produto de proximidade e que está a axudar
ao mantemento da economía galega”; e continuou afirmado que “desde a nosa experiencia sabemos que o
consumidor é responsable e consecuente coa defensa dos intereses dos galegos”.
Andión concluíu a súa
intervención insistindo na necesidade de apoiar as moitas marcas que se
identifican coa nosa lingua e cultura e felicitou ao Consello da Cultura Galega
por promover iniciativas como esta.
No hay comentarios :
Publicar un comentario