O turismo internacional acada en Galicia máximos históricos ao representar xa o 34,4% do conxunto da demanda
























  • O pasado mes a nosa Comunidade recibiu preto de 480 mil viaxeiros situando os niveis deste setembro nos máis elevados dos últimos anos

  • O turismo rural rexistrou no mes de setembro subas do 21,9% na cifra de viaxeiros e do 20,4% nas pernoitas

  • A directora de Turismo de Galicia e o presidente do Clúster de Turismo de Galicia asinaron esta mañá tres acordos a través dos cales se continúa promovendo a colaboración público-privada


O pasado mes de setembro marcou un máximo histórico na nosa Comunidade con preto de 480 mil viaxeiros e 960 mil pernoitas no conxunto da Comunidade. O dito mes, Galicia, rexistrou un incremento do volume de viaxeiros aloxados nos establecementos regrados do 10,2% e do 7,6% nas pernoitas, contabilizando máis de 955 mil. Este comportamento positivo da demanda regrada sitúa os niveis deste setembro nos máis elevados dos últimos anos.

En canto aos segmentos de mercado, o mercado nacional subiu no mes de setembro un 5% mentres que o internacional creceu nun 15,5%, ambas porcentaxes referidas ás pernoitas. Ambos segmentos presentaron resultados positivos en todas as tipoloxías de aloxamento. O turismo nacional subiu un 4,4% nos aloxamentos hoteleiros mentres que nos extrahoteleiros o incremento situouse no 8,8%. Pola súa banda, o internacional presentou crecementos do 16,7% no hoteleiro e do 5,6% no extrahoteleiro.

O turismo internacional acadou neste ano máximos históricos en Galicia no mes de setembro tanto en termos de volume, con preto de 165.000 viaxeiros e 260.000 pernoitas, como de peso no conxunto da demanda, representando xa o 34,4% dos viaxeiros aloxados e o 26,9% das pernoitas.

En setembro o 87,4% da demanda turística regrada correspondeu aos establecementos hoteleiros porcentaxe que inclúe tanto aos hoteis –que representan o 69,1%- como ás pensións –co 18,3% neste caso-. O 13% restante situouse no segmento extrahoteleiro, porcentaxe que neste caso reúne aos apartamentos turísticos –que representan o 2,8% da demanda total-, aos cámpings –co 6,2%- e aos establecementos de turismo rural –que supoñen o 3,6% neste caso-.

En canto aos niveis de demanda turística neste mes de setembro, no segmento hoteleiro incrementouse nun 7,6% -porcentaxe que subiu ao 21,3% no caso das pensións- mentres que no extrahoteleiro a mellora foi do 8,1%. Neste senso, destaca o incremento rexistrado no segmento do turismo rural, con subas do 21,9% na cifra de viaxeiros e do 20,4% nas pernoitas.

En termos de ocupación observáronse incrementos xeneralizados no mes de setembro, sendo os establecementos de turismo rural os que amosaron o incremento máis acusado -de tres puntos porcentuais-.
No que refírese aos primeiros nove meses do ano, o volume de viaxeiros nos aloxamentos regrados incrementouse no 6,5% - con máis de 3,3 millóns- e as pernoitas subiron un 4,4% -superando os 7 millóns-.
Neste período de nove meses o turismo nacional incrementouse nun 3%, consecuencia dun maior volume de viaxeiros españois aloxados nos establecementos regrados de Galicia –incrementáronse nun 3,6% neste caso-. O turismo internacional presentou tamén un comportamento positivo superando nun 10% o volume de pernoitas do pasado ano e subindo nun 15,2% a súa cifra de viaxeiros aloxados. Esta mellora supuxo que o mercado internacional acadase no que vai de ano máximos históricos tanto de volumes –con algo mais de 900.000 viaxeiros e 1,5 millóns de pernoitas- como de peso no conxunto da demanda –representando xa o 27,2% dos viaxeiros e o 21,6% das pernoitas totais-.

O incremento da demanda nestes nove meses produciuse en todas as tipoloxías de aloxamento consideradas. No segmento hoteleiro o crecemento situouse no 3,9% e no extrahoteleiro a suba ascendeu ao 6,7%. No turismo rural rexistrouse o incremento de maior intensidade cun 19% en relación ao pasado ano.

Colaboración público–privada para acadar obxectivos comúns

A directora de Turismo de Galicia, Nava Castro, e mais o presidente do Clúster de Turismo de Galicia, Francisco González, celebraron estes datos esta mañá nun encontro no que asinaron tres acordos a través dos cales continúa promovéndose a colaboración entre a Administración turística e o Clúster do sector para acadar obxectivos comúns.

Estes convenios de colaboración teñen a finalidade de impulsar o asociacionismo no sector turístico galego, implicar ao sector empresarial na promoción e comercialización de Galicia como destino turístico e implementar as liñas de actuación do Plan Integral de Turismo de Galicia conxuntamente.

A directora de Turismo de Galicia destacou, durante a rubrica de ditos acordos, que “é de vital importancia a profesionalidade e a adaptación ás actuais circunstancias a través do asociacionismo”. Neste senso, Nava Castro, engadiu “hoxe damos un paso mais no noso labor de continuar potenciando o asociacionismo e a creación de sinerxías para facer fronte ás transformacións que se están a producir neste sector e continuar sendo competitivos neste mercado altamente globalizado”.
Galicia Gastro #Gastronomía y #Turismo de #Galicia 2.0

Equipo de bloggers que promocionan la #gastronomía y el #turismo de #Galicia desde el 2.0

No hay comentarios :

Publicar un comentario