111 empresas e profesionais optan a deseñar a imaxe de marca dos escumosos das Rías Baixas.




O gañador do concurso percibirá 5.000 euros de premio
·        Rafael Louzán amosouse confiado en que os escumosos Denominación de Orixe teñan novo nome este mesmo ano
·        A nova marca dotará aos viños escumosos dunha identidade propia, acorde co prestixio e a calidade dos produtos da DO
O concurso de ideas para dar nome e imaxe aos escumosos das Rías Baixas pechou na tarde de onte o seu prazo de presentación de propostas cun éxito notable. Á espera aínda das propostas que cheguen por correo, son xa 111 as empresas e profesionais que enviaron á Deputación as súas ideas para ser os autores da denominación coa que se comercializarán os viños escumosos da Denominación de Orixe.
Así o anunciou esta mañá o presidente da Deputación, Rafael Louzán, na rolda de prensa posterior á Xunta de Goberno, na que recalcou que esta “feliz iniciativa” permitiralle aos viños da D.O. contar cunha nova denominación “neste mesmo ano”.
O concurso espertou un notable interese non só dentro da provincia, senón a nivel nacional. De feito, foron numerosas as chamadas recibidas desde diferentes provincias de España, como Castellón, Madrid ou Vizcaia, entre outras, para interesarse en participar no certame.
Agora procederase á convocatoria do xurado para a avaliación de cada unha das propostas presentadas e seleccionar ao gañador, que recibirá un premio de 5.000 euros.
Identidade propia
A convocatoria deste concurso de ideas, promovido pola Deputación de Pontevedra e a Denominación de Orixe Rías Baixas, dotará aos viños escumosos dunha identidade propia, acorde co prestixio e a calidade de todos os produtos da DO.
Desta maneira, búscase tamén mellorar a comercialización dun produto que botou a andar fai dous anos e que está tendo unha excelente acollida, pero que na actualidade se comercializa baixo un nome xenérico que dificulta a súa identificación no mercado.
Galicia Gastro #Gastronomía y #Turismo de #Galicia 2.0

Equipo de bloggers que promocionan la #gastronomía y el #turismo de #Galicia desde el 2.0

No hay comentarios :

Publicar un comentario