XIV Festa da Filloa da Pedra Máis de 6.000 filloas da pedra degustaranse na Baña o domingo 12 de marzo




Entre 20 e 30 homes e mulleres atenderán as 40 pedras que se colocarán no polideportivo de San Vicenzo 
A festa está organizada polo Concello e a Asociación Filloas da Pedra da Baña, que contan coa colaboración de máis de 30 mozos e mozas
A filloa da pedra é una tradición típica do Val de Barcala, con máis de 4 séculos de antigüidade.

O Concello da Baña e a Asociación Filloas da Pedra da Baña organizan o vindeiro 12 de marzo a XIV Festa da Filloa da Pedra para exaltar un produto típico do Val de Barcala que conta con máis de catro séculos de antigüidade, que foi pasando de xeración en xeración, segundo explicou hoxe en rolda de prensa o alcalde, Andrés García Cardeso.
Este ano, trinta mulleres e homes atenderán as 40 pedras de 50x50 cm que o segundo domingo de marzo levaranse ata o polideportivo de San Vicenzo para elaborar unhas 5.000 filloas cos preto de mil litros de amoado que elaborarán os membros da Asociación. O mesmo domingo, disputarase a I Ruta BTT da Filloa da  Pedra e haberá diferentes actuacións musicais e campionatos.
Esta exaltación gastronómica foi presentada esta mañá no Hostal dos Reis Católicos, nun acto no que, ademais do alcalde e da secretaria da Asociación, estiveron presentes Arita Pais Salvande, unha das filloeiras de maior idade da Baña, e Alba Losa Landeira, de quince anos, quen aprendeu esta secular tradición da man da súa avoa. Mentres se explicaba o programa e esta tradición típica da Baña, unha muller atendía as dúas pedras na que facía filloas para que os asistentes as puidesen degustar.
“Son filloeira dende rapariga, e foi miña nai quen me ensinou”, dixo Arita Pais. “Dende sempre lévoas facendo na pedra, e tamén en filloeiro ou en tixola. Aínda teño o recordo, de cando era pequena, do recendo a filloas na aldea”, engadiu esta bañesa que colabora coa Festa da Filloa da Pedra da Baña “dende os seus inicios”.
Pola súa banda, Alba Losa, unha das filloeiras máis novas que fai filloas tanto na festa como fóra dela, recoñeceu que foi a súa avoa “Elisa quen me ensinou e me inculcou a súa paixón por facer e comer filloas da pedra. Foi con ela con quen aprendín a facer tanto o amoado como as filloas”.
Andrés García Cardeso, alcalde da Baña, sinalou que “cociñar filloas sobre unha pedra é unha arte tradicional representativa de Galicia, máis ca unha técnica culinaria recuperada do pasado”. Neste concello próximo a Santiago, fanse filloas en pedra que “levan traballando máis de 200 anos. Xa nos arquivos dos Trastámara, antigos señores feudais desta comarca, aparecen pagos de rendas en forma de cestas de filloas”, engadiu o rexedor.
A intención do goberno municipal, dixo Cardeso, e converter a exaltación da filloa da pedra “nun proxecto de desenvolvemento rural para a comarca de Barcala e, sobre todo, para o concello da Baña”. Con todo isto “pretendemos que a revalorización da filloa leve consigo unha mellora do entorno natural, e a realización dunha agricultura tradicional e sustentable, que sirva para unha promoción turística local, xerando un movemento de atracción cara a nosa comarca e o noso concello”, afirmou García Cardeso.
A Festa da Filloa da Pedra da Baña organizouse por primeira vez en 2004. Tres anos máis tarde creouse a Asociación Filloas da Pedra da Baña, que na actualidade conta con 25 socios e socias, segundo explicou a súa secretaria, Mónica Tomé Rey.
A Asociación recolleu a tradición de cociñar sobre unha pedra un produto tan galego como son as filloas, “costume que os veciños da Baña conservaron ao longo de moitos anos, convertendo en arte a elaboración dunha masa de auga, fariña de trigo do país, ovos e sal callada sobre a pedra quentada con leña de carballo, o que lle imprimiu a este produto gastronómico unha particularidade única”, engadiu Tomé.
Aínda que ata o de agora as filloas da pedra foron sempre asociadas a festa do Entroido e como comida dos carnavais, dende a Asociación “queremos demostrar que a filloa da pedra pode ser, e de feito xa o é, moito máis ca un acompañamento”, afirmou Mónima Tomé.
O labor da Asociación consiste, sobre todo, na promoción e divulgación da filloa da pedra como produto artesán e na mellora da súa calidade, e en levalas máis alá das fronteiras do noso concello, estendéndoa a toda Galicia, a España e incluso a Europa.  A Asociación levou as filloas á Romaría Etnográfica Raigame, en Vilanova dos Infantes (Celanova-Ourense), ao Salón Gastronómico Xantar (Expourense-Ourense), a Turisport (Silleda-Pontevedra), á Semana Gastronómica de Galicia (Santiago de Compostela), á Semana Gastronómica e Folclórica de Troisdorf (Bonn-Alemaña), ao Forum Gastronómico (Santiago de Compostela).  Publicou o libro “50 recetas con filloas”, recoñecido co Premio Álvaro Cunqueiro, onde quedan demostradas as múltiples posibilidades do produto que promociona este colectivo.
AMPLO PROGRAMA DE ACTIVIDADES ARREDOR DA FILLOA
A Festa da Filloa da Pedra enmárcase dentro das actividades do Entroido na Baña, que comeza o 4 de marzo co concurso de disfraces, no que se repartirán 1.700 euros en premios. Este ano contará, por primeira vez, coa categoría de carrozas, nun desfile que comenzará ás catro da tarde na praza do concello.
(máis información sobre as bases neste enlace: http://bit.ly/2lGQkd3)

O 12 de marzo, o programa de actos da XIV Festa da Filloa da Pedra comezará ás 10.00 horas coa saída da I Ruta BTT da Filloa da Pedra que organizan o Concello da Baña e o Club Ciclista de Negreira, sobre un percorrido de 42 quilómetros por pistas forestais dunha dificultade media. A proba está aberta a todos os ciclistas federados maiores de 15 anos e a aqueles que tramiten a licencia federativa dun día.
Ver regulamento neste enlace: http://bit.ly/2ldDoxI
Formulario de inscrición neste enlace: http://bit.ly/2lmOCyv

Mentres os ciclistas percorren o concello, no polideportivo de San Vicenzo unhas trinta persoas, homes e mulleres, atenderán as 40 pedras dun mínimo de 50x50 centímetros nas que se farán as filloas que poderán degustar as miles de persoas que a organización agarda se acheguen ata A Baña. Xunto a eles, outros trinta colaboradores, mozos e mozas, axudarán a que a festa se desenvolva con normalidade.
Ao mediodia actuará o grupo de gaitas Os Campantes, da Baña, e a unha da tarde leerá o pregón da festa o Presidente da Fundación Down Compostela, Juan Jesús Martínez López.
A charanga Os Celtas actuará as 15.30 horas, ao mesmo tempo que darán comezo diferentes campionatos de chave e tiro con arco (para os adultos) e de tiro con arco, dardos e zancos para os máis cativos.
As cinco da tarde haberá animación musical infantil, e ás seis e media a orquestra Suavecito porá o último toque musical desta XIV Festa da Filloa da Pedra.

ALGÚNS DATOS HISTÓRICOS
A Baña é hoxe en día un dos poucos concellos de Galicia que mantén intacta a tradición das filloas da pedra. Unha costume que a piques estivo de desaparecer pero que colleu pulo en 2004 cando xurdiu unha iniciativa impulsada polo Concello e por un grupo de voluntarias e voluntarios (que en 2007 constituiríanse en Asociación Filloas da Pedra da Baña) de crear unha feira centrada neste produto típico da zona e de manter viva para a memoria colectiva e o padal unha costume ancestral das cociñas do Val de Barcala, composto polos concellos da Baña e Negreira. Neste val conxúganse os elementos básicos para facer este saboroso prato: a calidade das canteiras de granito, imprescindible para una boa parrumeira, lousa ou pedra;  unha boa masa forestal (antano as pedras quéntanse con leña, hoxe o combustible por razón de tempo substitúese por bombonas de butano), cultivo de trigo do país e ovos de calidade, na súa meirande parte procedente de galiñas criadas en liberdade.
Cómpre dicir que aínda que a filloa na súa máxima expresión é un produto galego recoñecido, sobre todo as elaboradas en filloeiro de ferro ou na tixola, a variante da pedra é das menos habituais. Antano esta técnica estaba presente en practicamente todas as casas. No Val da Barcala, a filloa da pedra que se elaboraba no Entroido ou no tempo da matanza, tamén se usaba habitualmente como substituto do pan.
A filloa da pedra da Baña non é só un produto tradicional ou a recuperación dunha técnica culinaria do pasado, senón un elemento identificativo da Baña e, por extensión representativo e autóctono de Galicia. A variante da pedra tamén se mantén en algún outro concello do Val da Ulla, como o da Estrada ou Forcarei, aínda que é o municipio barcalés da Baña quen abandeira a promoción e divulgación deste produto. De feito, dende a súa constitución, a Asociación Filloas da Pedra da Baña, en colaboración co propio Concello,  leva facendo unha gran labor de divulgación da filloa da pedra, participando non só en feiras e eventos, senón dando a coñecer a técnica básica da elaboración deste produto. En 2007 publicaron o libro “50 recetas con filloas” (Alvarellos Editora) que foi merecedor do Premio Álvaro Cunqueiro ao mellor libro de gastronomía.
Nos últimos anos, ás veteranas mans que recolleron a tradición dos antergos, fundamentalmente mulleres,  xúntanse zume novo, polo que a pervivencia da técnica e elaboración da filloa da pedra da Baña están garantidas.
Sobre as orixes históricas da filloa non hai nada claro. Hai autores que se inclinan por unha orixe grega: phyllon (lámina) ou mesmo romana (foliolam: diminuto de folla). De feito, no prólogo de “50 recetas con filloas”, Xavier Barreiro Luces, técnico superior de Restauración e filloeiro, sinala que nunha escavación arqueolóxica “dun castro preto da Coruña descubríronse filloeiros de barro datados na época pre-romana”.
Sexa como sexa, algunhas das parrumeiras sobre as que se elaboran as filloas das pedra da Baña teñen máis de 200 anos. Non vale calquera tipo de granito para facer unha pedra das filloas e dun tamaño mínimo de 50x50 centímetros. Requírese unha granulosa, que se dilate pouco, sensible ás correntes de aire e aos cambios de temperatura. Na Baña aínda hai canteiros artesáns que saben ben deste asunto.
En canto aos ingredientes básicos: auga, fariña e ovos en proporcións determinadas, aínda que hai variantes que levan leite  e mesmo caldo ou sangue. O segredo do almoado ou amoado da das pedra é preparalo a noite anterior e deixalo repousar. Unha boa temperatura e o mimo e coidado das filloeiras, fan o resto.

Galicia Gastro #Gastronomía y #Turismo de #Galicia 2.0

Equipo de bloggers que promocionan la #gastronomía y el #turismo de #Galicia desde el 2.0

No hay comentarios :

Publicar un comentario